Thursday 09 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño constrúe unha pequena cantina no pavillón municipal


O novo equipamento fora unha das peticións presentadas no proceso do orzamento participativo deste exercicio

Investíronse máis de 36.000 euros, sufragados nun 80% cunha axuda da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes

O pavillón municipal de San Sadurniño conta desde hai tan só uns días cunha pequena zona de bar preto da cancha, despois de que o Concello proxectase, contratase e executase case en tempo récord a conversión en cantina dos antigos aseos situados nunha das esquinas da instalación. De feito, o CV Aldebarán xa lle está dándo uso a un espazo no que se investiron máis de 36.000 euros. Cartos que tamén serviron para construír un único servizo máis amplo, totalmente accesible, adaptado a persoas con mobilidade reducida e dotado cun cambiador para bebés. A obra contou cunha achega de 29.469 euros da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes para a mellora de instalacións deportivas.

A construción dun ambigú dentro do pavillón municipal foi unha das ideas recollidas polo Concello na rolda de contactos veciñais para preparar os orzamentos deste ano. Unha idea que quedou anotada á espera de financiamento, como ocorre habitualmente coas iniciativas do Orzamento participativo que o consistorio non pode levar a cabo só con recursos propios.

Neste caso a proposta tivo encaixe na convocatoria de subvencións publicada no mes de agosto pola área autonómica de Deportes, confirmada coa concesión deses algo máis de 29.000 euros de axuda para levar a cabo as obras.

O que se fixo, basicamente, foi transformar os baños existentes na esquina suroeste do pavillón nun recinto para usos sociais e lúdicos con idea de que poida ser utilizado principalmente polo Aldebarán de volei como clube residente no espazo deportivo municipal.

Son cerca de 40 metros cadrados situados preto da nova entrada principal que ata hai pouco estaban divididos en aseos para mulleres e homes. Agora, trala obra de remodelación, o espazo conta cunha barra, estanterías, falso teito con iluminación led e grandes ventanais con visión directa da pista de xogo. O recinto dedicado a ambigú dispón dun grande aseo único para mulleres e homes, adaptado para cadeiras de rodas e persoas con mobilidade reducida. Mesmo dispón dun cambiador infantil pregable ancorado á parede.

O investimento necesario para acometer as obras cuantificouse en 36.837,47 euros, cubertos nun 80% coa subvención da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes para a mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal. A solicitude presentada por San Sadurniño, xurdida no proceso do Orzamento participativo, obtivo a segunda mellor puntuación das 45 peticións admitidas pola Xunta no apartado de municipios con menor poboación.